jueves, 25 de mayo de 2017

Día das letras galegas

Co gallo da celebración do Día das letras galegas dende o colexio leváronse a cabo múltiples actividades. Ademais da celebración do festival na que participaron os alumnos e as alumnas dos distintos niveis con cancións de diversa índole (maios, raps, adaptacións de cancións...), lectura dalgún dos contos máis coñecidos do autor homenaxeado ou representación escénica, desenvolvéronse varias actividades previas a esta data. Entre elas cómpre salientar os apadriñamentos realizados por unha banda, polo alumnado de 6º de Educación Primaria con 6º de Eduación Infantil e, por outra banda, o alumnado de 4º curso con 4º e 5º de Educación Infantil.
Nestes encontros os nenos e as nenas de Primaria, empregando diferentes técnicas, achegaron os contos de Carlos Casares aos alumnos e alumnas de menor idade do centro. Resultou ser todo un éxito polo que os/as que puidemos desfrutar desta experiencia recomendamos encarecidamente que se repita cara o vindeiro curso.



Encontros interxeracionais

Neste terceiro trimestre o alumnado de tres e catro anos está a contar coa experiencia que supón a participación dalgún membro das familias dos nenos e nenas destes cursos. Deste xeito puideron desfrutar de actividades tan interesantes como: contacontos; as visitas de dous membros da policía autónoma, do corpo de bombeiros, de expertos en paxaros coma o canario ou o peixe cebra, etc.
Esta iniciativa está a resultar moi enriquecedora polo que, grazas á resposta e colaboración das familias, decidiuse continuar durante o vindeiro curso.
As seguintes imaxes reflicten algúns dos momentos que tiveron lugar durante as visitas.

Celebramos o Día do libro

Para celebrar o Día do libro o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria levaron a cabo un proxecto interdisciplinar baseado nas esceas máis coñecidas da principal obra de Miguel de Cervantes: Don Quijote de la Mancha. 
Cada grupo centrouse nunha escea en concreto que traballou na aula a través de diferentes procedementos como a lectura da escea, o seu visionado ou a creación dun libriño no que se resume o seu argumento. Posteriormente, o propio día da celebración, o alumnado dos distintos niveis explicou a escea elixida ao resto de compañeiros/as de diversos xeitos: mediante un pequeno teatriño, representación ou lectura conxunta. Asi mesmo, tamén se expuxeron os murais realizados nos que se ilustraban as devanditas esceas.
A continuación podedes ver algunhas imaxes nas que se mostra o inmenso traballo que se desenvolveu.